Xi Jinping, o temoneiro de ferro. Regreso ao pasado para encamiñar o futuro Marola Padín Novas é Lcda en CC. Políticas na rama de RR.II na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ma Chinese Studies (SOAS). É analista do Observatorio de la Política China (OPCh).

In Estudios, Sistema político by Xulio Ríos

Introdución

A relevancia do XIX Congreso do Partido Comunista de China  é tal pola resposta que ofrece a quen liderará China nos vindeiros anos. Os principais líderes son, por suposto, importantes. Asemade, tamén o é coñecer os seus perfís e as razóns polas que o actual Presidente, Xi Jinping, realizou cambios que permiten a súa permanencia no poder máis do estipulado ata o de agora. Así, o presente traballo organízase da seguinte forma: a primeira parte analizará o sistema de elección da cúpula, a segunda parte versará sobre os pasos a seguir por Xi Jinping, unha terceira parte definirá o poder en clave de xénero e por último, unhas conclusións.

1. De liderado colectivo a liderado exclusivo con características “xiístas”

Fai todo con moderación, incluso moderarte.

Confucio (551 a. C. – 479 a. C.)

En China dise que Mao Zedong fíxoos libres, Deng Xiaoping converteunos en «ricos» e Xi Jinping converteraos nunha superpotencia, ou non. Dende que Deng Xiaoping alcanzou o poder a finais da década de 1970, o partido foi exaltando as virtudes do “liderado colectivo” no que as responsabilidades son compartidas en vez de estar concentradas en mans dun único político como no caso do antecesor de Deng, Mao Zedong.

A Constitución de 1982 establece o liderado do Partido Comunista de China (PCCh) ante os tres poderes, o que fai de China un réxime de partido único onde todo o poder formal está concentrado no goberno central, que ten o poder de delegar competencias para os gobernos locais (e provinciais) e rematar estes termos de uso ou cambialos, ao seu criterio.

Ademais, o sistema de toma de decisións caracterízase por ser moi vertical, pouco transparente e cunha complexa coordinación horizontal. E por iso que o Partido Comunista impregna todos niveis de toma de decisións. Outro rasgo do sistema chinés é a busca de consenso, o que conleva que o veto, atraso, ou modificación dunha política, en particular, pode ser realizada por unha gran pluralidade de actores. Neste senso, os gobernos provinciais son consultados sobre todas as políticas que poidan afectarlles. Ademais, os gobernos locais teñen xerado un sistema de fontes de renda á marxe do goberno central. Esta descentralización fiscal xerou unha forma de proteccionismo local contra a competición de fóra de empresas e o apoio financeiro das empresas locais por axencias locais (Tsai, 2002).

O sistema de eleccións do Partido Comunista de China é indirecto. Os 90 millóns de membros do Partido Comunista votan aos delegados dos congresos comarcais e estes aos congresistas  provinciais que, á súa vez, elixirán os representantes para o Congreso Nacional (o órgano soberano do partido, con máis de 3.000 membros).

O Congreso Nacional elixe o Comité Central do Partido Comunista (máis de 300 membros, entre titulares e suplentes) que, á súa vez, elixe o Politburó (24 membros) e sete dos seus membros que forman o Comité Permanente do Politburó (o núcleo duro do poder en China e onde se cohesionan partido e estado, cuxo presidente é o Secretario Xeral do Partido Comunista.

Sen embargo, segundo apunta Gao Wenqian, en realidade, mais importantes son as decisións tomadas con anterioridade á celebración do congreso entre os líderes do país, que tentan chegar a un acordo sobre a división de postos no Buró Político entre as distintas faccións do partido.

Así, un pequeno grupo de líderes no nivel superior do PCCh planea e toma decisións en segredo, e logo impón a súa vontade no Congreso do partido. O procedemento específico é: primeiro, o líder do partido de alto rango expón as súas liñas de pensamento; os membros do Comité Permanente do Buró Político son consultados individualmente para as súas opinións; o Comité contempla as ideas e formula propostas; durante a reunión de Beidaihe, solicítanse as opinións dos veteranos do partido; as propostas sométense ao Buró Político para a súa discusión; as propostas apróbanse na sétima sesión plenaria; e, finalmente, o congreso do partido pon o seu selo neles.

Asemade, nesta escaleira de postos, Xi Jinping ocupa unha posición preeminente e fai uso dela para estender as súas decisións a tódolos brazos do partido. Ter baixo control a membros, decisións e institucións principais asegúralle un poder real a longo prazo para facer efectivos os seus plans derivados do seu proxecto estrela, a nova ruta da seda denominada “Unha Franxa, Unha Ruta”, presentada en 2013 polo propio Xi e posteriormente promovida polo Premier Li Keqiang durante visitas de Estado a Asia e Europa.

O pasado outubro do 2017, o Partido Comunista de China celebrou o seu XIX Congreso. Cinco dos seus membros do anterior Comité Permanente retiráronse por ter excedido o límite “informal” de 68 anos de idade. Xi Jinping e Li Keqiang seguiron no Comité. Por outra banda, con menos inimigos internos máis seguridade dentro do Partido para afastar o medo a unha purga en contra.

Na cerimonia de clausura no Gran Salón do Pobo da era-Mao, foi anunciado que o “Pensamento de Xi sobre o Socialismo con Características Chinesas para unha Nova Era” incluiríase na Constitución equiparándoo así con líderes históricos como Deng Xiaoping e Mao Zedong.

 2. Do núcleo duro ao poder único: Xi Jinping, actuais ansias de poder ou medo futuro?

O dragón inmóbil nas augas profundas

convertese en presa dos cangrexos

Proverbio chinés

China foi un país de dinastías. Sun Yat-sen, o fundador da China moderna, aboliu os intentos de recuperación dunha liñaxe imperial nos anos 20 do pasado século e Deng Xiaoping, o pai das primeiras reformas de corte capitalista, posteriormente sentara en 1982 as bases dun mecanismo de substitución no poder (non máis de dous mandatos de cinco anos, 70 anos como límite de idade) e a introdución do consenso nun liderado colectivo. Esa formulación buscaba eludir a solución occidental baseada na alternancia electoral e evitar un dominio personalista do poder. Xi Jinping non só está a romper a convención establecida dende hai moito tempo, senón que está a desmantelar o mesmo sistema de goberno colectivo.

En novembro de 2012, Xi Jinping foi nomeado como militar xefe e secretario xeral do Partido Comunista e presidente en marzal de 2013, enviando unha clara mensaxe de que o país non é só gobernado por un partido sen rostro senón que é gobernado por un home, el mesmo. Co paso do tempo adquiriu un alcume: “Xi Dada”, ou “Tío Xi”, como é  a denominación dada polos usuarios de internet e ás veces incluso os medios de comunicación oficial (nunha clara estratexia de acercar o Líder ás masas). O mandatario tamén demostrou ter unha visión política clara dende o inicio, promovendo grandes proxectos nacionais con iniciativas internacionais como a nova ruta da seda e anunciando grandes plans para acabar coa pobreza do país antes de 2020.

O compromiso para o desenvolvemento dunha sociedade modestamente acomodada, pero tamén tecnolóxica e aberta ás novas formas de innovación, son algunhas das características do socialismo con peculiaridades chinas que foron propostas polo presidente Xi Jinping durante a súa intervención ante o plenario do partido. Un compromiso que se visualiza na teorización dos cinco conceptos de desenvolvemento. Os mesmos fan referencia a que “a innovación (创新 chuang xin), coordinación (协调 xietiao), desenvolvemento ecolóxico (绿色 lüse), a apertura (开放 kaifang) e o desenvolvemento compartido (共享 gongxiang)”, permitirán facer de China un país en continuo crecemento.

Pero a cúpula do Partido Comunista de China con Xi Jinping á cabeza atópase con non poucas barreiras, a corrupción é unha delas. Esta pode provocar un deterioro do sistema político e unha moderación no crecemento da economía e, en consecuencia, un socavamento da lexitimidade da elite do Partido como xestores do desenvolvemento do país. De feito, a corrupción xa foi un dos principais problemas remarcados durante as manifestacións contra o goberno en 1989. A reforma tamén ampliou significativamente o ámbito de corrupción como unha cuestión política fomentando novos comportamentos e valores, cambiando o significado dos máis vellos, e dando lugar a novas queixas relacionadas co crecemento das desigualdades.

Dende que asumiu o poder en 2012, Xi deulle gran relevancia a este tema e promoveu unha campaña masiva contra a corrupción en toda China como unha forma de selo persoal do seu estilo de gobernabilidade. O Exército foi un dos sectores máis afectados polas reformas anticorrupción de Xi: por primeira vez na historia do país, procesouse a ex-altos mandos castrenses. A loita de Xi Jinping contra “tigres” e “moscas” saldouse con altos cargos no partido condenados a cadea perpetua. O caso máis representativo de “tigre” é Bo Xilai, ex-secretario do partido na municipalidade de Chongqing e ex-membro do Politburó, que en setembro de 2013 foi sentenciado a cadea perpetua por aceptar 20,4 millóns de iuáns (2,5 millóns de euros) en subornos, malversar cinco millóns de iuáns (605.000 euros) e abusar do seu poder en relación co asasinato por parte da súa esposa dun home de negocios británico amigo da familia. Os Bo recibiron, entre outros agasallos dun empresario, un chalé no sur de Francia. A súa condena foi promocionada como unha mostra da vontade do Goberno de loitar contra a corrupción. Os partidarios de Bo Xilai, con todo, aseguran que foi vítima dunha purga política.

O aumento da corrupción en China é unha consecuencia non só das reformas económicas, como tamén da orde político-económica que as precederon. O sistema foi construído sobre a ideoloxía revolucionaria, un líder carismático, e o dominio do partido-estado. Faltaron unha serie de límites que fixeran posible unha alternativa viable de sociedade civil, incluíndo distincións: 1) entre os dominios público e privado; 2) entre dereitos e intereses individuais e colectivos; 3) entre política e administración; 4) entre mercado e mecanismos de distribución patrimonial; e 5) entre estado e sociedade. Como resultado, unha vez que a transición á reforma comezou, China foi incapaz de conter tanto as forzas de mercado ou a explotación oficial. A corrupción na década dos 50 foi considerada como un desvío individual, en vez de como unha rémora institucional ou problema sistémico, e as persoas estaban mobilizadas en campañas periódicas de rectificación para informar de delitos e criticar os pensamentos e comportamentos decadentes. A corrupción foi atribuída a varios factores: a influencia feudal, a adoración burguesa aos cartos, e o egoísmo.

Debido a estes factores e ás implicacións directas da corrupción na cúpula do poder, Xi Jinping non quere que ninguén ameace o seu poder na forma como o seu antecesor, Hu Jintao, foi ensombrecido pola figura de Zhou Yongkang, un membro da Comisión Permanente, que foi o encargado de toda a aplicación do aparello legal, dende a policía, policía secreta ata o poder xudicial.

Asemade, Sun Zhengcai, un ex-dirixente do Partido Comunista de China, unha vez considerado un potencial sucesor do Presidente Xi Jinping, foi condenado a prisión de por vida por aceptar subornos. Sun foi encargado de Chongqing en 2012 despois de que o ex-secretario do partido Bo Xilai fora encarcerado de por vida por corrupción.

Estes exemplos teñen varias lecturas. A primeira a nivel social, os cidadáns entenden que baixo a xestión de Xi Jinping, ningún membro do Partido, por moi alto cargo que ostente dentro do mesmo, está libre de evadir a lei. Estas sentencias actúan como exemplarizantes e como mostras de seguridade cara a poboación. En termos xerais, existe unha clara aceptación social da figura deste Presidente e das súas actuacións neste eido. Sun e Yuan (2017) afirman que a sociedade chinesa percibe unha redución da corrupción a nivel nacional, pero non nas bases locais do Partido. Nembargantes, unha segunda lectura apunta a que o Presidente ten usado a represión para eliminar algúns dos seus rivais políticos.

O apoio social ás políticas de Xi Jinping non son ao 100%, existe disidencia en internet, e os censores chineses están a traballar duro para reprimila. Prohibiron temporalmente o uso de frases como “culto á personalidade “, “o meu emperador” ou “Xi Zedong” pero os internautas modifican as súas formas de expresión e estratexias de uso na rede de redes para continuar amosando certo descontento coa acumulación de poder de Xi Jinping. A súa forma de liderado non é a única crítica existente: a desaceleración da economía, a intensificación de certos conflitos sociais e a escalada de control por parte de rangos superiores son algunhas das razóns que motivan certa desafección da poboación co sistema.

Xi Jinping ten só 64 anos de idade. Polo que se coñece, conserva un excelente estado de saúde e ademais saíu reforzado no último Congreso do Partido como se amosa na incorporación do ‘Pensamento de Xi’ aos estatutos como unha “guía para a acción do partido”, elevando a Xi Jinping ao nivel de Mao. O seu pensamento vai ser agora obxecto de estudo nas universidades. Todo apunta a que Xi Jinping estará presente na cúpula máis alá de 2023.

Segundo unha resolución aprobada polo XIX Congreso Nacional do PCCh, outro aspecto que se suma a incorporación aos estatutos é o desenvolvemento da “Iniciativa dunha franxa, Unha ruta”, outro dos proxectos estrela do Presidente. Proposto por Xi Jinping, ten como obxectivo construír unha rede de comercio e de infraestruturas que conecte Asia con Europa e África ao longo e máis alá das rutas comerciais da antiga ruta da Seda. Comprende as rutas comerciais da Ruta da Seda e as rutas marítimas do século XXI.

Ademais do presidente, o primeiro ministro Li Keqiang foi o único que conservou o seu cargo tras unha reorganización radical do Comité Permanente do Politburó. Li Zhanshu, Zhao Leji, Han Zheng, Wang Huning e Wang Yang foron promovidos para substituír a cinco membros do comité que se retiraron, incluído o xefe anticorrupción Wang Qishan, un aliado clave de Xi. Os sete funcionarios teñen máis de 60 anos e, por primeira vez, ningún membro do Comité Permanente do Politburó nacería antes da Revolución Comunista chinesa de 1949.

Estes cambios no estilo fan unha clara alusión a un profundo cambio na natureza da política levada a cabo ata agora. Xi Jinping engadiu unha nova capa de autoridade na parte superior da escala, tomou o mando de numerosas comisións, e actualmente supervisa a reforma xeral do goberno, as finanzas, a revisión das forzas armadas e a seguridade cibernética.

Mirando atrás, dende 1949 o máis extremo exemplo de gobernante omnipotente foi, por suposto, Mao Zedong. Cando a súa desastrosa política coñecida como o Gran Salto Adiante deixaba millóns de persoas morrendo de fame ata a morte, o Ministro de Defensa, o mariscal Peng Dehuai, contestoulle. Por esta razón, un dos heroes da revolución foi eliminado.

Por suposto, a China de hoxe non é comparable con aquela de 1959, pero a acumulación de poder en torno a unha única figura no “núcleo” que non pode ser criticada está a levantar sospeitas e preocupacións entre un amplo grupo de analistas.

Existía a idea en Occidente que segundo a economía de China melloraba esta iría adquirindo un carácter máis democrático no seu sistema político pero non só non é así senón que está a acontecer o contrario. O control é cada vez maior e a presión sobre os cadros do partido non deixa de medrar.

Nas sesións do marcoparlamento chinés celebradas en marzo do ano seguinte, a reelección do mandatario produciuse uns días despois de que os lexisladores aprobasen eliminar da Constitución o límite de dous períodos consecutivos para o presidente do país.

A determinación de Xi de permanecer no poder tamén pode ser un acto de auto protección. O presidente chinés purgou e encarcerou a tantos inimigos poderosos que o cárcere está completo. Poida que vexa no poder eterno a única forma de evitar que rivais con desexos de vinganza lle condenen algún día a un destino similar.

3. O “soño chinés” de Xi Jinping inclúe mulleres ao mando?: as mulleres ocupan a metade do ceo, e na terra, a metade da solución.

        A virtude non habita na soidade: debe ter veciños.

Confucio (551 a. C. – 479 a. C.)

As mulleres na sociedade deben ter un espello nas mulleres no poder. A pesares da sociedade tradicionalmente patriarcal na China, a política dun fillo único permitiu crear unha clase ben preparada de mulleres (particularmente nas áreas urbanas), excluíndo a situación no rural claramente pouco beneficiosa para elas.

Se ben Mao Zedong afirmaba que “as mulleres ocupan a metade do ceo”, a idea é ter os pés na terra e que as mulleres deben procurar a súa inserción nos ámbitos de decisión para que se produza un cambio substancial tanto na súa situación xeral como na atención das súas demandas nos órganos directivos de toma de decisións. As mulleres chinesas participan na administración dos asuntos do estado principalmente a través das seguintes canles: participando na consideración e formulación de leis estatais ao obter acceso ás institucións lexislativas; participando na administración dos asuntos estatais e sociais asumindo postos de goberno a todos os niveis; participando no goberno representativo a través da Conferencia Consultiva Política; expresando as súas opinións e defendendo os seus dereitos a través de federacións e sindicatos para as traballadoras en diversos niveis; expresando as súas opinións e suxestións directamente aos gobernos e departamentos competentes.

A participación das mulleres nas actividades políticas está sobre papel. Así, prevese claramente na “Constitución” da China e na “Lei sobre a protección dos dereitos da muller”, que as mulleres e os homes gocen de dereitos políticos igualitarios. Co fin de promover a participación das mulleres na administración e na toma de decisións dos asuntos estatais e sociais, China formulou os principais obxectivos e iniciativas de estratexias específicas para a participación das mulleres na adopción de decisións e a administración, mellorar a formación dos cadros das mulleres, dar pleno xogo ao papel das organizacións non gobernamentais, comprender as opinións e demandas das mulleres, ampliar as canles de recomendación democrática, a participación democrática, a administración democrática e a supervisión democrática.

No eido privado hai varios casos sobresaíntes nos que mulleres ocupan altos cargos directivos das empresas pero no eido político, por exemplo, sería proposta para unha posición de alto rango  na Comisión Permanente do Buró Político? Este sería un histórico compromiso, xa que ningunha muller ocupou este cargo dende a fundación da República Popular da China en 1949. Inclúe o “soño chinés” de Xi Jinping mulleres ao mando? Probablemente non. Existían ata antes do XIX Congreso do Partido (2017) só dúas mulleres entre os 25 membros do Politburó, e ningunha estaba a piques de ser ascendida. Actualmente, no XIX Buró Político está Sun Chunlan (孙春兰). Sun, a única muller no Buró político de 25 membros, tamén estivo no corpo durante o primeiro mandato do Presidente Xi Jinping, que comezou en 2012, con outra muller, Liu Yandong, que ven de xubilarse. Sun Chunlan desempeñouse como secretaria do Partido Comunista de China na cidade costeira de Tianjin, o máis alto cargo no municipio. Ela é a única muller a nivel provincial xefe do partido na China, e a segunda na historia deste país.

O liderado sufriu cambios na actualidade entre os membros do Comité Central (4,9 por cento dos membros formais son mulleres) e  maioritariamente vanse escoller homes de máis de 60 substituídos por homes de máis de 50. Con todo, o partido-estado está prestando atención as críticas estranxeiras sobre a falta de diversidade de xénero na súa dirección. Con carácter previo ao congreso, un xornal oficial recollía nun artigo o anuncio dun aumento do número de mulleres delegadas como tamén das minorías e da clase traballadora. Pero delegados son só os participantes no poder simbólico para elixir líderes. De todos é sabido que a toma de decisións reside na parte superior da pirámide, non nos preto de 2.300 delegados escollidos para simbolizar a existencia de votación.

Con todo isto, o liderado dos distintos estratos da xerarquía do poder en China está a ver cambios substanciais na súa formación, a nivel de ampliación temporal (eliminación dos dous termos de 5 anos cada un para o Presidente), ou a nivel de composición (ningún dos novos membros nacería antes de 1949), entre outros. O Partido adáptase aos novos tempos, cara novos rumbos.

4. Conclusións

O colosal tamaño de China, o seu nivel de desenvolvemento intermedio que lle permite competir con baixos custos laborais e de produción, as condicións de traballo ou a normativa ambiental (menos restritiva que as europeas) e a súa relativa paz social permitiulle aproveitar as novas oportunidades derivadas da globalización económica. Nembargantes, estas “características chinesas” sempre foron xestionadas dende finais da década dos 70 mediante a fórmula de “liderado colectivo” nas máis altas esferas do Partido; pola contra, actualmente Xi Jinping está a modificar esta norma. Non se pode negar que, desde que asumiu o primeiro posto na xerarquía política chinesa en 2012-13, Xi consolidou o poder de xeito firme. Nos últimos cinco anos, a purga masiva contra a corrupción de Xi afectou a máis dun millón de funcionarios, militares e políticos. Acertadamente, a loita contra o suborno tamén varreu á maioría dos rivais potenciais de Xi, dándolle unha man libre para selar a súa autoridade no sistema de partido e estado. Pode haber dúas razóns para estes movementos: ou o mesmo Xi ten medo de ser purgado ou simplemente o sistema chinés seguiu o seu curso. Xi Jinping xa pode continuar coa súa folla de ruta.

Bibliografía

Beltrán Antolín, J. (ed) (2017) Viaje al Centro. El XIX Congreso del Partido Comunista Chino. Edicións Bellaterra.

“China Starts Massive Promotion of Xi Jinping’s ‘Four Comprehensives’ Political Theory. South China Morning Post, 25 de febrero de 2015. URL http://www.scmp.com/news/china/article/1723189/state-media-starts-promotion-xi-jinpings-political-theory-four [Consultado o 12 de maio de 2017]

China’s new Politburo and Politburo Standing Committee, https://www.brookings.edu/interactives/chinas-new-politburo-standing-committee/  [Consultado o 18 de maio de 2018]

Gao Wenqian, On the 19th National Congress of the Communist Party of China (https://www.hrichina.org/en/china-rights-forum/19th-national-congress-communist-party-china) [Consultado o 15 de maio de 2017]

Padín Novas, Marola “Will Corruption Bring China to Its Knees?”. Atlantic-Community.org, 6 de octubre de 2009.  URL: http://archive.atlantic-community.org/index.php/Open_Think_Tank_Article/Will_Corruption_Bring_China_to_Its_Knees%3F  [Consultado o 15 de maio de 2018]

Pardo de Santayana Gómez de Olea, J. (2018)  Xi Jinping y Putin, dos liderazgos que retan el orden internacional mundial (http://www.ieee.es/Galerias/fichero/docs_analisis/2018/DIEEEA02-2018_Putin_XiJinping_JMPSGO.pdf) [Consultado o 16 de maio de 2018]

Pye, Lucian W. The Dynamics of Chinese Politics. Elgeschladerl, Gunn & Hain: Cambridge, 1981.

Samson Yuen, « Disciplining the Party », China Perspectives [Online], Online dende 01 xaneiro 2017, URL : http://chinaperspectives.revues.org/6542

Sun Yan e Yuan Baishun, “Does Xi Jinping´s anticorruption Campaign Improve Regime Legitimacy?”, Modern China Studies, 24, nº 2 (2017), pp. 14-34

Tsai, Kellee S. (2002) Off      Balance: The Unintended      Consequence of Fiscal Federalism in China

Xi Jinping, (2014) La gobernación y administración de China, Ediciones en Lenguas Extranjeras, Beijing

Declaración de Beijing,  http://www.un.org/womenwatch/daw/beijing/platform/declar.htm [Consultado o 16 de maio de 2018]